Axenda local

16/02/2026
Gallery imx reconversion 16022026
Ico noticia NOVA

“RECONVERSIÓN” DE IBUPROFENO TEATRO

Ibuprofeno Teatro trae a Outes este sábado 21 de febreiro o seu espectáculo de grande formato con oito actores músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.

Dirixido por Santiago Cortegoso, esta obra é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión naval para achegarnos ás vivencias persoais do pai do director nun espectáculo intimista e de introspección familiar.

É a peza que non deberías perderte e que agora chega a Outes para desfrute das persoas que gozan do teatro de calidade.

Sábado 21 de febreiro ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Outes. Obra para público adulto (maiores de 12 anos). Rógase puntualidade; una vez comezada a función, non se permitirá o acceso á sala.

As entradas poden retirarse na páxina bandoticket.com ou na Casa da Cultura de Outes.

05/02/2026
Gallery imx outes escena rgta 2026
Ico noticia NOVA

OUTES A ESCENA NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS

Xa están a venda as entradas para as obras da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Auditorio da Casa da Cultura de Outes. Podedes mercalas en bandoticket.com ou na Casa da Cultura.

Estas obras non están incluídas no Bono Miúdo nin no Bono Xeral.

 Ver cartel

CIRKOTE de Kote Malabar

CIRKOTE é circo de rúa e teatro, malabares e humor, sobre todo moito humor. O espectáculo combina técnicas de circo, clown e teatro cómico e de participación, nunha relación directa actor-público nun espectáculo no que pode acontecer de todo, incluso que ti acabes sendo a estrela da función.

  • Sábado 14 de febreiro ás 19:00 horas. Prezo: 5 €

RECONVERSIÓN de Ibuprofeno Teatro

Entre o íntimo e o político, esta obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.

  • Sábado 21 de febreiro ás 20:00 horas. Prezo: 9 €

BAILAR AGORA de Marta Alonso

Marta Alonso diríxese ao público para compartir un percorrido pola súa traxectoria vital como bailarina e muller. Esta é a historia dunha bailarina que nace e medra nos anos 80-90, facendo referencia ao estado actual dos seus desexos e soños, comprometéndose a facelos realidade no momento presente. E o xeito de levalo a cabo é bailando.

  • Sábado 28 de febreiro ás 20:00 horas. Prezo: 7 €
19/02/2025
Gallery imx teatro amador 2025
Ico noticia NOVA

OUTES PRESENTA A SÚA PRIMEIRA MOSTRA DE TEATRO AMADOR

O tenente alcalde e concelleiro de cultura, Anxo Núñez Fernández, xunto con Carlos Outeiral Miniño, director do grupo de teatro Terra de Outes, presentou esta mañá o cartel da primeira edición da mostra de teatro amador de Outes "Nicolasa Añón".

Todos os sábados ás 20:00 horas, dende o 8 de marzo ate o 12 de abril, o auditorio da Casa da Cultura acollerá unha representación teatral nunha escolma feita pola Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e que organiza, conxuntamente, co concello de Outes. O obxectivo da mostra é dar a coñecer agrupacións de teatro amadoras e achegar o seu traballo á veciñanza e visitantes.

O tenente alcalde afirmou "Esta mostra nace da colaboración entre a área de Cultura e o grupo de teatro de Terra de Outes e agardamos que sexa a primeira de moitas por vir." O director do grupo de teatro, pola súa banda dixo que "desenvolvemos esta mostra en colaboración con outras cinco asociacións e agrupacións que se achegan a Outes para compartir o seu traballo coa veciñanza."

As obras serán de acceso libre e gratuíto ate completar aforo polo que non se farán reservas. O 5 de abril terá lugar a estrea da obra "O doente imaxinario... Daquela maneira" do grupo afintrión.

 Ver cartel