Axenda local

12/04/2023
Gallery imx1 gonzalez maragoto 12042023
Ico noticia NOVA

O CONCELLO DE OUTES E A AGAL COINCIDEN NA NECESIDADE DE REFORZAR OS VÍNCULOS CON PORTUGAL

Manuel González estudará as medidas propostas pola asociación para reforzar os vínculos culturais e institucionais co país irmán

O presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Maragoto, e o alcalde de Outes, Manuel González, reuníronse onte para abordar a posibilidade de levar a cabo neste concello algunhas medidas propostas pola AGAL no sentido de fomentar o coñecemento da lingua e da cultura portuguesas, fortalecendo así os lazos de amizade con Portugal no ámbito municipal, ao amparo da Lei Paz Andrade.

Maragoto agradeceu ao concello de Outes as iniciativas que xa impulsou no pasado en prol do fortalecemento dos lazos lingüísticos e culturais galego-portugueses a través de irmandamentos ou participando en iniciativas dos Foros de Cooperación Municipalista da Lusofonía, e animou ao alcalde a a adoptar "mais medidas lingüístico-culturais e institucionais nese sentido, con indubidables repercusións no ámbito do turismo e da revalorización da nosa cultura, local e universal ao mesmo tempo".

O alcalde de Outes, a súa vez, agradeceu as suxestións da AGAL, que se comprometeu a estudar, nomeadamente a de considerar a inclusión da lingua portuguesa na entrega de orixinais para o certame de poesía Francisco Añón. O poeta outense foi considerado polo filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa un dos primeiros precursores do Integracionismo Galego-Portugués, xa que mantivo fortes vínculos con Portugal, chegando a escribir en portugués o revolucionario Hymno dos Povos, que motivaría a sua expulsión do país. Para Manuel González, as relacións coa literatura portuguesa non paran aí, xá que mesmo alcanzan un dos nomes máis universais das letras deste país, Fernando Pessoa, com antepasados no concello de Outes.

González abondou na oportunidade que significa para Galicia o reforzamento dos vínculos co Portugal, ao configurarse o eixo atlántico como unha área de forte dinamismo e "o espazo de natural de proxección cultural e económica de Galicia, no marco da Unión Europea".

14/12/2022
Gallery imx astaleiro ciprian 14122022
Ico noticia NOVA

ESPAZO MUSEÍSTICO DA CARPINTARÍA DE RIBEIRA “ESTALEIRO DO CIPRIÁN”

O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira “Estaleiro do Ciprián” é un proxecto de rehabilitación integral dun estaleiro para reconvertelo en museo sen perder a esencia industrial da súa actividade económica principal: a construción de barcos.

O proxecto consta de varias fases na que ademais da rehabilitación (incluíndo as ramplas e urbanización da contorna) e musealización do estaleiro, fixéronse novos espazos de traballo e promoción turística: caseta de información turística, baños e almacén.

Este proxecto mellorou a contorna litoral e paisaxística no seu conxunto e dotou ao concello de Outes dun novo espazo cultural, patrimonial e industrial de primeira orde que non existe en ningún outro punto da xeografía galega.

O proxecto foi realizado grazas a unha subvención do GALP Costa Sostible xunto con fondos propios do Concello de Outes.

 

25/08/2021
Gallery imx web comercio local
Ico noticia NOVA

OUTES PRESENTA UNHA WEB COA QUE DARLLE VISIBILIDADE AO SEU COMERCIO DE PROXIMIDADE

O Concello de Outes acaba de anunciar a posta en marcha dun directorio web do comercio de proximidade co que pretende que os comercios outenses gañen visibilidade e a veciñanza poida consultar información de interese sobre eles.

O enderezo de acceso é http://comercio.outes.gal

En declaracións do alcalde de Outes, Manuel González, “esta plataforma servirá como escaparate virtual para todos os comercios da localidade e está pensada para facilitar aos negocios o seu posicionamento online”. Ademais, agregou González López, “permitiralle á veciñanza facer buscas para atopar os locais que precisa para realizar as súas compras, os datos para poder contactar con eles así como saber onde se atopan a través da súa xeolocalización”.

A páxina web dispón dun apartado de novas onde irá subíndose toda a actualidade e todas as novidades que sexan do interese do comercio outense. O sitio web comeza a súa andaina inicial con 150 establecementos divididos en oito categorías: alimentación, banca, comercio, hostalaría, servizos profesionais, salóns de beleza, servizos sanitarios e talleres. Dende o Concello indicaron que pode haber erros ou omisións no directorio polo que lle piden aos comerciantes que contacten co concello se os detectan.

O obxectivo “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido comercial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou o rexedor.