Anuncio

NOVA CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA EN OUTES: DÁLLE UNHA VOLTA AO LIXO!

O Concello de Outes pon en marcha unha nova fase do seu programa de compostaxe doméstica co obxectivo de animar á veciñanza a transformar os seus residuos orgánicos en vida e abono natural para as súas hortas ou xardíns. Grazas á colaboración de Sogama, distribuiranse un total de 50 novos composteiros gratuítos entre os residentes do municipio.
Esta iniciativa está dirixida a todas aquelas persoas que residan nunha vivenda unifamiliar e dispoñan de horta ou xardín dentro do termo municipal de Outes, e que aínda non dispoñan dun.

Como solicitalo?
O prazo de inscrición estará aberto desde o 5 ata o 16 de novembro. As solicitudes pódense presentar de forma presencial nas Oficinas de Rexistro do Concello, situadas na planta baixa, ou ben por vía electrónica a través da Sede Electrónica municipal. Cabe destacar que a adxudicación realizarase por rigorosa orde de inscrición e terán prioridade máxima todas aquelas persoas que aínda non dispoñan dun composteiro de campañas anteriores.

Entrega e charla formativa
O acto de entrega dos materiais e a charla informativa terán lugar o xoves 19 de novembro ás 17:00 horas no Centro Náutico Municipal, situado na Rúa do Porto, número 90, no Freixo de Sabardes.
En caso de non poder asistir persoalmente, permítese que un representante acuda no seu lugar para recoller o composteiro. Así mesmo, a charla formativa está aberta a calquera persoa que teña interese en aprender sobre o proceso, aínda que non solicitase un dispositivo.

Para máis información, o Concello pon á disposición da veciñanza o teléfono 981 85 00 03.