Outes Digital
Agenda local


ESPAZO MUSEÍSTICO DA CARPINTARÍA DE RIBEIRA “ESTALEIRO DO CIPRIÁN”
O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira “Estaleiro do Ciprián” é un proxecto de rehabilitación integral dun estaleiro para reconvertelo en museo sen perder a esencia industrial da súa actividade económica principal: a construción de barcos.
O proxecto consta de varias fases na que ademais da rehabilitación (incluíndo as ramplas e urbanización da contorna) e musealización do estaleiro, fixéronse novos espazos de traballo e promoción turística: caseta de información turística, baños e almacén.
Este proxecto mellorou a contorna litoral e paisaxística no seu conxunto e dotou ao concello de Outes dun novo espazo cultural, patrimonial e industrial de primeira orde que non existe en ningún outro punto da xeografía galega.
O proxecto foi realizado grazas a unha subvención do GALP Costa Sostible xunto con fondos propios do Concello de Outes.
![]() |


OUTES PRESENTA UNHA WEB COA QUE DARLLE VISIBILIDADE AO SEU COMERCIO DE PROXIMIDADE
O Concello de Outes acaba de anunciar a posta en marcha dun directorio web do comercio de proximidade co que pretende que os comercios outenses gañen visibilidade e a veciñanza poida consultar información de interese sobre eles.
O enderezo de acceso é http://comercio.outes.gal
En declaracións do alcalde de Outes, Manuel González, “esta plataforma servirá como escaparate virtual para todos os comercios da localidade e está pensada para facilitar aos negocios o seu posicionamento online”. Ademais, agregou González López, “permitiralle á veciñanza facer buscas para atopar os locais que precisa para realizar as súas compras, os datos para poder contactar con eles así como saber onde se atopan a través da súa xeolocalización”.
A páxina web dispón dun apartado de novas onde irá subíndose toda a actualidade e todas as novidades que sexan do interese do comercio outense. O sitio web comeza a súa andaina inicial con 150 establecementos divididos en oito categorías: alimentación, banca, comercio, hostalaría, servizos profesionais, salóns de beleza, servizos sanitarios e talleres. Dende o Concello indicaron que pode haber erros ou omisións no directorio polo que lle piden aos comerciantes que contacten co concello se os detectan.
O obxectivo “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido comercial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou o rexedor.