Axenda

Gallery imx entroido 2024

PROGRAMACIÓN DO ENTROIDO EnOUTES E CONCURSO 2024

O tenente alcalde e concelleiro de cultura, festas e xuventude, Anxo Núñez Fernández, vén de presentar a programación do Entroido enOutes 2024. Un ano máis a alegría e orixinalidade do Entroido encherá as rúas do concello. Nesta ocasión, contaremos cunha programación ampla para todas as idades.

O concello de Outes repartirá o vindeiro mércores 14 de febreiro ate 2970€ en premios no concurso de disfraces, celebrará o desfile de Entroido, o enterro da sardiña e unha chocolatada con música a cargo da charanga Os Jalácticos.

Nesta datas, Outes tamén contará con programación para as familias con obradoiros de carautas e accesorios, pintacaras, globoflexia, inchables, minidisco e outras actividades infantís na festa do Entroido para os cativos.

Programación do Entroido:

7 e 9 de febreiro — OBRADOIRO DE CARAUTAS E ACCESORIOS DE ENTROIDO

de 17:30 a 19:00 horas na Casa da Cultura

Para nenos e nenas de entre 5 e 10 anos. Máximo 6 prazas, por orde de inscrición. Reservar praza chamando á Casa da Cultura (teléfono: 981 850 950).

10 de febreiro — FESTA DE ENTROIDO PARA OS CATIVOS

ás 17:30 horas no pavillón da Serra de Outes

Obradoiros de pintacaras, tatuaxes e globoflexia. Inchables grandes, minidisco, photocall e ás 19:00 horas o espectáculo "Bailando" de Animarte.

14 de febreiro — ENTERRO DA SARDIÑA e Concurso de disfraces e desfile polas rúas da Serra

No concurso repartiranse ate 2.970 € entre os mellores disfraces nas categorías de infantil, individual, grupos e comparsas.

A cualificación do xurado será no pavillón polideportivo da Serra ás 17:00 horas.

Para inscribirse no concurso haberá que enviar o formulario debidamente cuberto ao correo electrónico animacion@outes.gal, no rexistro dixital ou no presencial do concello ata o luns 12 de febreiro ou presencialmente o mesmo día do concurso antes das 16:30 h, no polideportivo da Serra.

Ao remate terá lugar o desfile de Entroido amenizado pola charanga os Jalácticos, con saída na Praza de Galicia e remate na Praza do Bosque, onde se queimará a Sardiña, farase a entrega de premios e terá lugar a chocolatada. En caso de chuvia suspenderase o desfile.

 Bases do concurso de disfraces

 Folla de incrición no concurso de disfraces

 Vídeo presentación do Entroido enOutes 2024 

 Ver cartel coa programación completa