Axenda

Thumb lingua natureza snl outes 2019

A RAPAZADA DE OUTES ACHÉGASE Á LINGUA GALEGA A TRAVÉS DA NATUREZA

Desde hoxe e até mediados de novembro, a rapazada de 8 a 12 anos do Concello de Outes, participará en diversas conferencias e obradoiros prácticos nos que mellorará o manexo da lingua galega mediante o coñecemento da natureza e da fauna.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística programouse un amplo programa no que se potencia o coñecemento da cultura popular arredor da fauna galega, animando ás nenas e nenos a faceren unha “prospección” na contorna familiar e veciñal, tomando nota de ditos, contos, refráns, anécdotas… sobre o tema, e facendo posteriormente un traballo de adaptación e interpretación do material recollido.

O SNL apostou por un formato de charla e obradoiro práctico porque ademais dos propios valores didácticos, refórzase a comunicación interxeracional, o manexo do galego en varios rexistros e mellórase o vocabulario sobre a fauna do contorno outense. Por unha banda, nas charlas teóricas amplíase información sobre os animais silvestres, bótase luz sobre determinados tópicos e mitos arredor destes animais facendo un dobre labor de concienciación ambiental ao tempo que se traballa o ámbito lingüístico. Por outra banda, nos obradoiros prácticos a rapazada pode realizar carautas de animais, réplicas dos foxos para atrapar lobos ou cantigas sobre a fauna.

O punto e final farase cunha representación teatral na que a rapazada lle amosará aos seus familiares todos os coñecementos que aprenderon ao longo dos distintos obradoiros.